O Xulgado pecha a instrución do caso Alvia co maquinista do tren como único imputado

O xuíz sostén que as dilixencias practicadas permiten concluír que a “causa directa, inmediata e que decididamente desencadeou o accidente foi o exceso de velocidade”

O Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago notificou hoxe o auto que pon fin á instrución do accidente do tren Alvia. Na resolución acórdase a continuación das dilixencias polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos imputados ao maquinista fosen constitutivos de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e 144 delitos de lesións por imprudencia grave profesional.

Na resolución xudicial, o maxistrado pide ao Ministerio Fiscal e ás acusacións particulares que no prazo de 10 días formulen escrito de acusación -solicitando a apertura de xuízo oral- ou o sobresemento da causa, “sen prexuízo de que excepcionalmente poidan solicitar a práctica de dilixencias complementarias que se consideren imprescindibles para formular a acusación”.

Indica o instrutor no auto que se practicaron aquelas dilixencias estimadas “pertinentes e necesarias para determinar a natureza e circunstancias dos feitos, das persoas que neles tiveron participación, así como do órgano competente para o enjuiciamiento”. Sobre a petición realizada polas partes de realizar novas dilixencias, o xuíz entende que non hai necesidade delas para poder celebrar xuízo, “e sen prexuízo, en todo caso, do dereito das partes que agora as propoñen para reproducir tal petición ante o órgano de enjuiciamiento se o estiman necesario para a defensa dos seus intereses”.

Tamén se fai mención ás periciais que constan en autos, e indícase que “se optou por conferir prioridade ao criterio exposto polos tres peritos de designación xudicial, e non só por presumir nos mesmos un maior compoñente de obxectividade e imparcialidade, senón tamén porque o obxecto da súa pericia foi definido en termos tan amplos que practicamente abarca o estudo de todos os posibles aspectos que puidesen ter algún tipo de influencia no desenlace causal do accidente que é obxecto de investigación”.

Neste sentido, o maxistrado lembra que dous dos peritos xudiciais “coinciden en descartar na xénese do accidente máis contribución causal que a que deriva do exceso de velocidade coa que o tren entrou na curva, sendo esa a única causa do sinistro”. Sobre os sistemas de seguridade, o instrutor segue o criterio da Audiencia Provincial, que sostivo que non existe disposición legal ou normativa algunha que obrigue a que o tren en cuestión, e a propia infraestrutura viaria, estivese dotada o día do accidente do sistema ERTMS.

É por elo que o xuíz sostén que as dilixencias practicadas permiten concluír que a “causa directa, inmediata e que decididamente desencadeou o desgraciado accidente que tivo lugar o pasado 24 de xullo de 2013 foi o exceso de velocidade”.

O auto, con todo, fai constar que “é evidente, e non imos dicir agora o contrario, que a seguridade da vía podía ser mellor. É evidente tamén que de acharse activo o sistema ERTMS as posibilidades de que o sinistro se producise eran inferiores ao tratarse dun sistema de seguridade máis perfeccionado que mitiga en maior medida o risco derivado do factor humano, pero o feito é que a ausencia de tal sistema e as motivacións que levaron á súa desactivación non poden ser obxecto de depuración no ámbito penal, sen prexuízo das responsabilidades, doutra índole, a que puideren dar lugar”.