A Audiencia levanta as imputacións contra os doce cargos de Adif polo accidente do Alvia

Os maxistrados conclúen que o risco non superaba os niveis en que "se ha de considerar permitido".

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, estimou os recursos presentados polos doce cargos de Adif imputados na instrución aberta polo accidente ferroviario do Alvia en Angrois, polo que deixa sen efecto as mesmas.

O primeiro xuíz instrutor do caso chamara a declarar en condición de imputados aos cargos de Adif que considerou responsables da seguridade da circulación ferroviaria no momento de posta en funcionamento da liña onde se produciu o accidente.

A Audiencia notificou hoxe diversos autos nos que deixa sen efecto estas imputacións ao entender, entre outras cuestións, que non hai base normativa que permita entender que a ausencia de instalación de ERTMS (sistema que supervisa de modo constante a velocidade do tren) na infraestrutura "constitúa unha infracción dun deber legal".

Aínda que os maxistrados entenden que a ausencia de ERTMS supón unha conduta perigosa, conclúen que se este risco mantense "dentro dun nivel que haxa de considerarse permitido, non existe infracción do deber de dilixencia". Indican tamén os autos que a eliminación deste sistema nos últimos quilómetros da liña non foi gratuíta ou carente de motivo, pois respondía "á nova configuración e regulación do encravamento".

Sobre o debate suscitado en relación ao réxime normativo que debía seguir o maquinista, os maxistrados entenden que é "sinxelamente absurdo" que debido á súa experiencia profesional conducindo ese tren durante meses "tivese algunha dúbida sobre cales eran as súas obrigacións ou sobre que normativa había de cumprir e, sobre todo, a causa do accidente, o incumprimento polo condutor do deber establecido na normativa regulamentaria de chegar ao momento do cambio de velocidades a unha determinada velocidade, é un factor que non se ve afectado por ningunha desas supostas confusións".

Os autos, que son firmes e contra os que non cabe recurso, conclúen que "como resumo do expresado, non hai indicios de que na determinación e regulación das circunstancias da circulación ferroviaria concorrente cando se produciu accidente concorra a infracción normativa, a ilegalidade ou a vulneración de pautas técnicas consolidadas recollidas pola normativa de ADIF que o auto de imputación proclama".

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]