A Audiencia confirma o nomeamento dos peritos da Xunta

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, notificou hoxe un auto no que desestima os recursos de apelación interpostos contra o nomeamento como peritos xudiciais de dous funcionarios da Xunta para elaborar o informe solicitado polo titular do Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago, que investiga o accidente ferroviario.
 
Entende a sala que o recurso non pode prosperar, tanto porque os peritos designados (funcionarios públicos) contan coas titulacións que se especifican no auto de 6 de agosto de 2013 (enxeñeiro industrial e enxeñeiro de camiños, canles e portos) como porque na súa designación seguiuse o procedemento previsto.
 
Lembran os maxistrados que a cuestión exposta sobre a imparcialidade dos peritos, cando se trata de funcionarios públicos, foi estudada e resolta polo Tribunal Supremo, sendo criterio xurisprudencial reiterado que a calidade de funcionario público de quen actúa como perito non constitúe causa de recusación nin determina perda de imparcialidade.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]