O Xulgado desestima os recursos presentados contra o peche da instrución no caso do Alvia

As partes teñen agora cinco días para presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago desestimou os doce recursos de reforma presentados contra o auto que puxo fin á instrución polo accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois, no que morreron 80 persoas. En outubro, no auto que acordou a continuación das dilixencias polas canles do procedemento abreviado, o maxistrado considerou ao maquinista como único imputado polo sinistro ferroviario.

Nesta nova resolución, lembra o xuíz nos fundamentos xurídicos que responden as peticións das partes de realizar novas probas de investigación, “que o obxecto da instrución non é o de practicar dilixencias, senón exclusivamente aquelas que permitan preparar o futuro xuízo oral. Por iso, é incorrecto falar de “dilixencias de proba”, pois só merecen tal consideración aquelas que se practican no marco do xuízo oral.

Sobre as posibles responsabilidades de ADIF ou Renfe, sostén o auto que “non existe elemento probatorio algún que acredite, polo menos indiciariamente, a concorrencia de infracción legal algunha no deseño da infraestrutura viaria ou do material rodante. Así o dixeron os dous peritos xudiciais que se ocuparon especificamente desta cuestión e as súas conclusións foron mantidas con ocasión da súa ratificación”.

Para o xuíz instrutor, “as dilixencias practicadas permiten concluír que a causa directa, inmediata, e que decididamente desencadeou o desgraciado accidente que tivo lugar o pasado 24 de xullo de 2013 foi o exceso de velocidade”. “E a responsabilidade de tal exceso -continúa- reside en exclusiva na imprudencia do maquinista froito dunha condución desatenta ás circunstancias da vía e á súa sinalización, motivada á súa vez por unha chamada do interventor que se prolonga máis do necesario”.

Abundando nesta idea, sostén que “o día de autos non foron os defectos ou ausencia de sinalización nin a ausencia de ERTMS os factores que desencadearon causalmente o accidente, pois tales condicionantes xa estaban vixentes nesas viaxes anteriores e mostráronse eficaces e eficientes para preservar a seguridade do tren e dos seus ocupantes. Nesta ocasión houbo un factor novo e distinto que decididamente desencadeou o resultado, e ese factor foi a imprudencia grave do maquinista que descoidou a atención á condución e ás circunstancias da vía”.

Con respecto a un “argumento novo” da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, que é o da publicidade enganosa e estafa, o xuíz sostén que “neste caso non concorren os elementos de tipicidad do devandito delito", pois a liña 082, que foi publicitada como dotada cos últimos sistemas de seguridade, concretamente do ERTMS, "si está dotada" del.

As partes teñen agora cinco días para presentar recurso de apelación ante a sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña.

Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
 

Documentos relacionados