O xuíz instrutor do accidente ferroviario deduce testemuño pola distribución do informe das 'caixas negras' antes de que chegase ao xulgado

O informe sobre o contido das caixas negras do tren sinistrado recibiuse hoxe no Xulgado de Instrución nº3 de Santiago ao redor das 11.00 horas da mañá. A esa hora eran xa varios os medios de comunicación que tiveran acceso a un informe que non fora entregado ao xuíz. Á vista desta situación, o maxistrado do caso decidiu deducir testemuño do ocorrido para que o xulgado de garda inicie unha investigación penal por un presunto delito de descubrimento e revelación de segredos.
 
Unha vez estudado o informe polo maxistrado que instrúe o caso, o Xulgado considera oportuno confirmar os seguintes datos:

  • 20:39:06.- Comeza o son de aviso de chamada telefónica. Velocidade 199 km/h
  • 20:39:15.- Inicio de conversación telefónica do maquinista. Velocidade 199 km/h
  • 20:39:52.- Aviso acústico correspondente ao paso por unha baliza
  • 20:40:55.- Último son da voz do maquinista. 195 km/h
  • 20:40:56.- Aviso acústico correspondente ao paso pola baliza previa do sinal de entrada E7. Punto quilométrico 83/876. Velocidade 195 km/h.
  • 20:40:59.- Aplicación de manipulador de freo en posición de emerxencia. Velocidade 195 km/h. Punto quilométrico 84/009.
  • 20:41:02.- Aviso acústico correspondente ao paso pola baliza do sinal de entrada E/. Punto quilométrico 84/171. Velocidade 195 km/h.
  • Nota: No Libro Horario do Tren 151 contémplase que entre o punto quilométrico 84/230 e o 85/000, a velocidade máxima permitida é de 80 km/h.
  • 20:41:06.- Descarrilamento do tren. Velocidade 179 km/h. Inicio do son de arrastre do tren. Punto quilométrico 84/413.
  • 20:41:10.- Aplicación do freo de emerxencia-seta. Velocidade 153 km/h. Punto quilométrico 84/591 co tren xa descarrilado.
  • 20:41:16.- Fin do son de arrastre do tren.

Resultados do informe

O tren circulada ao paso polo punto de descarrilamento a unha velocidade de 179 km/h, sendo a velocidade máxima permitida de 80 km/h.

Existe un rexistro de son no que se recollen actos de fala, atribuídos ao maquinista, que se inicia ás 20:39:15, durando a conversación ata as 20:40:55 (1 minuto e 40 segundos). Ás 20:41:06 escóitase o inicio do son de arrastre do tren producido polo descarrilamento. Ás 20:41:16 finaliza o son de arrastre.

O informe foi elaborado e está asinado por axentes de Policía, persoal de Renfe, de Adif e do Ministerio de Fomento.

Por outra banda, o interventor do tren prestou hoxe declaración, na que admitiu ser o autor da chamada recibida polo maquinista.

Nestes momentos están persoados na causa Renfe, Adif e dúas aseguradoras como responsables civís e dous particulares como prexudicados. A posibilidade de persoarse na causa permanece aberta ata que se dite o auto polo que se dá por concluída a instrución.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]