A Audiencia reabre a instrución sobre o accidente do Alvia

  • A Audiencia decretou o retorno do proceso á fase de dilixencias previas de investigación para a indagación dos feitos expostos pola Plataforma Vítimas Alvia 04155

 

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, emitiu un auto no que, en virtude da aparición de datos sobrevindos expostos pola Plataforma Vítimas Alvia 04155, acorda deixar sen efecto os autos apelados emitidos polo Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela, entre eles o que poñía fin á instrución e acordaba que a causa se seguise contra o maquinista do tren e o director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento de posta en funcionamento da liña.

A Audiencia, polo tanto, decretou o retorno do proceso á fase de dilixencias previas de investigación para a indagación dos feitos expostos pola Plataforma Vítimas Alvia 04155. A resolución é firme, polo que contra ela non cabe recurso.

O tribunal considera “ineludible” investigar os feitos expostos pola plataforma, “tanto polo que se refire á suposta destrución de probas como á situación en que se achaba o tren e a súa posible relación co accidente, que foi un dos obxectos principais da investigación”. Os maxistrados sinalan que todo iso “determina necesariamente a volta das actuacións á fase de dilixencias previas para que, coa máxima celeridade posible, se depuren estes feitos”. O retorno da causa á fase de instrución determina a revogación das decisións que foron adoptadas na súa conclusión.

Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

 

Ligazóns relacionadas