O xuíz do Alvia cita como investigado ao director de Seguridade na Circulación de ADIF en 2013

Para o instrutor quedou evidenciado que a análise integral de risco, previa á posta en funcionamento da liña, era necesaria, e que a mesma, "sendo preceptiva, non se fixo".

 O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago acordou citar en calidade de investigado ao  director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento do accidente do tren Alvia en Santiago de Compostela, ocorrido o 24 de xullo de 2013. Para o maxistrado titular do órgano quedou evidenciado que a análise integral de risco, previa á posta en funcionamento da liña, era necesaria, e que a mesma, "sendo preceptiva, non se fixo".

Para o instrutor, "existen indicios suficientes para estimar que, polo menos por parte de ADIF, non se fixo todo o posible para mitigar o risco que finalmente desembocou no resultado producido". Lémbrase no auto que o "devandito risco foi convenientemente detectado e comunicado a ADIF por parte da UTE LAVOS e INECO, recoñecendo ambos a insuficiencia do subsistema fornecido (ASFA) para conxurar ou mitigar" o perigo existente. Sostén así mesmo que ADIF non cumpriu co seu deber ao tolerar "a exportación do devandito risco ao maquinista sen efectuar unha previa valoración integral da liña que protexese aos usuarios fronte ao posible fallo humano".

Na resolución afírmase que "existen indicios suficientes para concluír que a Dirección de Seguridade na Circulación de ADIF, a quen en principio compete o labor de avaliar os riscos inherentes á circulación, non cumpriu co devandito labor xerando e tolerando unha situación de risco que finalmente cristalizou no accidente que custou a vida e a saúde a múltiples usuarios o pasado 24 de xullo de 2013". Dita Dirección, en quen o Consello de Administración delegara dita competencia, estaba desempeñada no momento dos feitos por Andrés Mª C.L., a quen o xuíz cita a declarar en marzo como investigado ao consideralo "presunto responsable dos delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave".

O xuíz rexeita no auto as outras dilixencias de proba solicitadas polas partes, entre elas a declaración dos técnicos da UTE autores dos documentos que ADIF achegou días antes da última ratificación dos peritos.

Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Documentos relacionados