A Audiencia Provincial da Coruña ordena reabrir a instrución polo accidente do Alvia

A Sala conclúe que o xulgado debe seguir investigando para aclarar diversos aspectos expostos nas periciais, en concreto a existencia de risco de accidente na curva.

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, acolleu diferentes recursos de apelación interpostos contra o auto que puxo fin á instrución do caso Alvia (auto de incoación de procedemento abreviado) e ordénalle ao xulgado que siga investigando.

A Sala acorda retrotraer a causa á fase de dilixencias previas e manda que se practique a ratificación e aclaración "de dous informes periciais, ademais das probas que se consideren necesarias, para determinar diversos aspectos. O primeiro deles é "se existiu e era normativa e tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco da liña 082 que tivese en conta a situación de perigo concretamente existente na curva onde se produciu o accidente".

A segunda cuestión sobre a que se ordena seguir a instrución é a corrección das avaliacións de risco realizadas en dous dos informes periciais e a determinación do nivel de risco resultante na curva e a súa aceptabilidade técnica. A terceira céntrase "na corrección da exportación de riscos ao maquinista ou RENFE nos termos en que foi efectuada". A Audiencia indica tamén ao Xulgado de Instrución Núm. 3 de Santiago que debe confirmar se é certo que, como alude o informe dun dos peritos, "existía un consenso técnico entre os expertos sobre a necesidade de protección das transicións significativas de velocidade mediante sistemas de control continuo ou puntual".

Finalmente, entende que é necesario seguir investigando cuestións relativas "a outros aspectos relacionables causalmente co accidente no caso de se achegaren alegacións ou datos novos relativos a outras materias que xustificasen incidir en liñas de indagación xa intentadas ou na apertura doutras novas".

Os maxistrados sosteñen no auto que algúns dos informes periciais permiten soster a existencia de indicios de que na curva se producía un risco de accidente por erro humano de tal intensidade que, de ter sido avaliado, tería imposto a súa minoración ou eliminación, "de xeito que se produciron na avaliación do risco [...] deficiencias técnicas que determinaron que se autorizase a circulación de trens sen adoptar as medidas necesarias para evitar ou reducir o risco de erro humano para xestionar a redución de velocidade na curva".

Como conclusión, afirma o auto, "debe entenderse que subsisten indicios, non suficientemente desvirtuados, de que existía un risco de accidente na curva que non foi avaliado especificamente; que segundo as avaliacións periciais levadas a cabo nas actuacións o risco de accidente nesa curva constituiría tecnicamente, cando menos, un risco non desexable, o que implica que debería ter sido reducido, como efectivamente se puido facer e non se fixo". Para a Sala, "existen indicios de que o método aplicado por ADIF, tanto como pauta xeral como no caso investigado, presenta carencias que determinaron que non se apreciase o risco realmente existente e que se transferise ou exportase ao persoal de RENFE sen avalialo nin adoptar medidas para comprobar que o risco se mantiña en niveis tolerables".

Debe destacarse, din os maxistrados, "que non se trata exclusivamente de que o modo en que se valorou e xestionou o risco para a autorización da liña non fose o axeitado, pois iso sería unha cuestión fundamentalmente procedemental ou formal, senón de que tal modo de valoración pode adquirir unha relevancia causal respecto do accidente ao haber indicios de que existía efectivamente un risco excesivo na curva, valorado conforme a pautas técnicas, e que en virtude destas debería ter sido paliado ata límites aceptables". Con estes argumentos xustifícase a decisión de que continúe a investigación para esclarecer todas estas cuestións.

Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.