O xuíz imputa a once responsables de ADIF pola súa presunta responsabilidade no accidente de Santiago

Serán chamados a declarar o presidente da entidade, os membros do Consello de Administración e o director de seguridade na circulación cando se construíu a liña.

A Coruña, 9 de maio de 2014. O Xulgado de Instrución nº3 de Santiago notificou hoxe un auto no que chama a declarar en calidade de imputados a once responsables de ADIF. Trátase do presidente da entidade, os membros do Consello de Administración e o director de seguridade na circulación no momento en que se remodelou a liña ferroviaria entre Ourense e Santiago. O maxistrado considéraos "potenciais autores dun delito contra a seguridade colectiva, previsto e penado no artigo 350 do Código Penal; e partícipes nos delitos de homicidio e lesións dos artigos 142 e 152".

Afirma o xuíz no seu auto que "a instalación de seguridade implantada na vía para eliminar o perigo que representa a curva de Angrois non é a exixible e adecuada con arranxo ás pautas técnicas consolidadas recollidas na normativa do sector".

En opinión do instrutor, debeu protexerse o paso pola curva da Grandeira cun sistema que supervisase de modo constante a velocidade do tren (ERTMS), e de non facelo debeuse suplir a ausencia desa instalación de seguridade con outra que, para manter o correcto nivel de seguridade, esixía unha innovación ou cambio normativo. "Como reiteradamente se dixo, nin se instalou ERTMS até despois da curva da Grandeira nin se supliu a súa falta por outra instalación de seguridade, adoptándose unha solución que  constitúe unha infracción das normas de seguridade ferroviaria, xerando un risco intolerable que ao cabo se traduciu no descarrilamento dun tren con desastrosas consecuencias".

No auto recóllese a opinión de dous peritos que sosteñen que a desconexión do sistema ERTMS  "parece que supuxo degradar a seguridade", ao converter unha forma de circulación que se prevé extraordinaria nunha liña de alta velocidade, en ordinaria.

O maxistrado que instrúe a causa indica que esta desconexión só está xustificada por dúas incidencias, e ningunha relacionada coa seguridade, senón co feito de que o freado do tren supuxo atrasos no servizo.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]