O maxistrado Luis Aláez seguirá no xulgado que instrúe o "Caso Alvia" ata que chegue outro titular

Aláez non se incorporará ata ese momento ao Xulgado do Penal nº 1 de Santiago, que a Comisión Permanente do CGPJ lle adxudicou hoxe.

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial acordou adxudicar o Xulgado do Penal nº 1 de Santiago de Compostela ao maxistrado Luís Aláez Legerén, que solicitara a praza, unha das incluídas no concurso 2/2013 resolto hoxe.

Alaez, que instrúe o "Caso Alvia", permanecerá con todo no Xulgado de Instrución nº 3 da capital galega, ao que se incorporou fai catro anos, ata que tome posesión o novo titular que sexa destinado a ese órgano xudicial.

O maxistrado comunicou hai días por escrito ao CGPJ a súa disposición para manterse no xulgado que ocupa actualmente, e por tanto a continuar coa investigación do accidente de tren ocorrido o pasado 24 de xullo, ata que poida ser substituído por outro titular.

O pasado mes de xaneiro, a Comisión Permanente do órgano de goberno dos xuíces acordou prorrogar por seis meses as medidas de reforzo coas que contaba o Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela.

Así, para atender o incremento de traballo do xulgado derivado da instrución do "Caso Alvia" prorrogouse a adscrición permanente dunha xuíz substituta a ese órgano.

Ademais, pediuse ao Ministerio de Xustiza que prorrogue o nomeamento dun secretario xudicial en comisión de servizo e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia que renove o de cinco funcionarios.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]