O xuíz instrutor cita como imputados aos responsables de ADIF do tramo onde se produciu o accidente de tren de Santiago

O maxistrado do Xulgado de Instrución núm. 3 de Santiago ditou hoxe un auto no que acorda:

  • Reclamar a ADIF diversos informes e documentos.
  • Reclamar a Renfe diversos informes e documentos.
  • Oficiar ao Ministerio de Fomento para que a Comisión Asesora de Seguridade na Circulación Ferroviaria informe sobre o coñecemento dalgunha incidencia no tramo do accidente.
  • Oficiar ao presidente do Congreso dos Deputados para que remita copia do diario de sesións correspondente á Comisión de Fomento celebrada os días 8 e 9 de agosto.
  • Librar mandamento ao Rexistro Mercantil Central para que expida e remita certificación da inscrición de Renfe e ADIF.
  • Recibir declaración en calidade de imputado á/s persoa/s de ADIF responsable/s da seguridade na circulación do tramo da liña ferroviaria que une as estacións de Ourense e Santiago.

Por outra banda, e en resposta ás preguntas expostas en relación ao nomeamento dos peritos xudiciais que elaborarán o informe encargado polo xuíz, polo momento foi nomeado o enxeñeiro en Telecomunicacións.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]