O xuíz instrutor do accidente de Santiago recibe informe toxicolóxico, incorpora ao procedemento informes das compañías e empraza aos colexios profesionais para a realización dunha pericial xudicial

O Xulgado de Instrución nº3 de Santiago xa recibiu o informe do Instituto Nacional de Toxicoloxía en relación á análise practicada ao maquinista tras o accidente. O informe conclúe que non hai rastro de sustancias tóxicas (alcol ou drogas); só se detecta na mostra a presenza de cafeína.

Por outra banda, o maxistrado do caso acordou hoxe a incorporación ao procedemento, unha vez estean finalizados, dos informes sobre o accidente realizados por: Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios do Ministerio de Fomento, Renfe e Adif. A pesar de que este tres informes non son elaborados desde o punto de vista do proceso xudicial, considérase oportuno a súa unión ao procedemento para que o xuíz poida estudalos.

Tamén hoxe se acordou a realización dunha pericial xudicial sobre as causas do accidente, circunstancias e calquera outra anomalía, deficiencia ou irregularidade en relación ao sinistro. Para iso emprazouse aos colexios profesionais e escolas oficiais da comunidade para que propoñan canto antes candidatos a realizar o informe. A intención do xulgado é que o informe sexa realizado por tres enxeñeiros: un en Camiños, Canles e Portos; outro Industrial e un terceiro en Telecomunicacións; sempre que sexa posible con coñecementos específicos en infraestruturas, material rodante e comunicacións ferroviarias.

En canto a informes solicitados polo xuíz, recibíronse os de Renfe e Adif. Unha vez sexan estudados con detemento polo xuíz, no caso de que considere oportuno facer pública algunha información recollida nos mesmos, enviarase nota informativa.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]