O maquinista do tren Alvia sinistrado declara voluntariamente de novo ante o xuíz de instrución 3 de Santiago

Segundo informa o Xulgado de Instrución núm. 3 de Santiago, o maquinista do tren sinistrado presentouse voluntariamente na mañá de hoxe no xulgado coa súa letrada para declarar de novo, dereito que o imputado ten recoñecido no artigo 400 da Lei de Axuizamento Criminal (O procesado poderá declarar cantas veces quixer, e o Xuíz recibirá inmediatamente a declaración se tiver relación coa causa).

Na súa declaración, o maquinista identificou á persoa de quen recibe os chamada minutos antes do accidente como o interventor de Renfe que viaxaba no propio tren. Ante o xuíz do caso, Luís Aláez, explicou que a conversación se centrou na vía onde parar ao chegar a Pontedeume. Afirmou tamén que non estaba a falar no momento da saída de vía, senón que colgara segundos antes.

Por outra banda, o xuíz solicitou a Renfe diferente documentación consistente en: información sobre a vida laboral do imputado (resultados de controis de tóxicos realizados nos últimos anos pola empresa, resultados de probas de condicións psicofísicas, baixas, experiencia no traxecto onde se produciu o sinistro, cursos...), información sobre a hora á que comezou a xornada o maquinista o día do accidente e tempo efectivo de condución, contido das caixas negras doutros trens que realizasen o mesmo percorrido, documentos sobre velocidades na liña, sobre a máquina e sobre normativa de persoal en cabina.

Tamén se solicitou a Adif informe sobre o estado das vías e peraltes na zona do accidente, sinais e balizas físicos e luminosas no traxecto Ourense-Santiago, ademais do radio da curva.

En relación aos móbiles do imputado, pediuse ás respectivas compañías telefónicas información sobre chamadas entrantes, saíntes, mensaxes... do seu móbil persoal e profesional. En referencia ao móbil persoal, sobre o que se realizou unha dilixencia manual no xulgado o domingo, o xuíz solicitou que se complete esta dilixencia a través de expertos informáticos por se manualmente se puido borrar información do mesmo.

Polo momento non foi chamada a declarar ningunha persoa en relación á causa.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]