Accidente ferroviario en Santiago: 75 persoas identificadas

Persoal do Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia) e da Policía Científica seguiu traballando todo o día baixo as ordes do maxistrado titular do Xulgado de Instrución núm. 3 de Santiago, Luís Alaez, para avanzar na identificación das vítimas. Nestes momentos hai 75 persoas identificadas das 78 rescatadas nas vías do tren. A estes 78 falecidos hai que sumar tres restos mortais aos que será necesario practicar a proba de ADN para concluír a cantas persoas corresponden.
 
Entre as últimas persoas identificadas atópase un home de nacionalidade italiana e unha muller de República Dominicana. O esforzo realizado polo equipo forense que traballa na causa, unhas 25 persoas, e o persoal do xulgado de garda desprazado ao Mutiusos do Sar permitiu que a case totalidade das familias puidese facerse xa cargo das vítimas.
 
En relación ao maquinista, permanece detido no hospital (por aclarar dúbidas que hoxe xurdiron o xuíz non ordenou a detención, como vos informei xa onte). Non pasou a disposición xudicial.
 
Medidas gobernativas
 
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas Sobreira, e o vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial para Galicia, Manuel Almenar, anunciaron tras unha reunión de traballo con maxistrados, Fiscalía e secretarios que en agosto entrará en funcionamento un apoio formado por un xuíz, un secretario e funcionarios que se encargarán do traballo habitual do xulgado para permitir que o titular do mesmo se centre na instrución do accidente.
 
Hoxe avanzouse tamén nun protoloco de coordinación entre CGPJ e Imelga para o seguimento dos partes de evolución dos lesionados que residen fóra de Galicia. O CGPJ, a través dos Tribunais Superiores de Xustiza, poñerá en marcha un sistema para que os institutos de medicina legal das comunidades onde residen os lesionados fagan chegar a información relativa á evolución dos feridos ao Imelga por vía informática segundo uns formularios específicos. A Sala de Goberno do TSXG reuniuse hoxe pola tarde de urxencia para poñer en común as actuacións gobernativas realizadas ata o momento e asumiar as medidas de reforzo con que se dotará ao xulgado.
 
O Consello Xeral do Poder Xudicial decidiu que se implantará para os familiares das vítimas o mesmo sistema de información posto en marcha na Audiencia Nacional para as vítimas de terrorismo, que permite a través dun código persoal coñecer por vía telématica o estado en que se atopa a causa en relación á persoa pola que presentasen denuncia e as dilixencias que se practicaron.

[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]